A alcaldesa, Inés Rey, anunciou o inicio dos traballos do proxecto global de rehabilitación dos Xardíns de Méndez Núñez, un proxecto «que se pode facer grazas a que esta zona se declarou de especial protección e se erradicou o botellón; doutra forma non sería posible», afirmou a alcaldesa. A recuperación das roseiras, do calendario floral, a do reloxo, a do céspede, a poda dos magnolios, e a renovación da zona da estatua de John Lennon cunha guitarra floral son as primeiras actuacións desta intervención xeral nun dos espazos verdes máis importantes e senlleiros da cidade.
Desde a declaración dos Xardíns como Zona de Especial Protección en xaneiro de 2020 e a erradicación do botellón, o Concello, explicou a rexedora, esperou un tempo prudencial para que a zona se sanease e «agora iremos actuando en diferentes etapas, renovando as diferentes zonas dos xardíns co obxectivo de que recuperen a súa imaxe».
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, que este venres supervisou os traballos, explicou que xa se renovou toda a zona do calendario floral, a do reloxo e a do céspede, que xa medra nas zonas onde lle dá o sol.
