A Coruña contará con máis de 100 prazas adaptadas nos xogos infantís da cidade


O Concello da Coruña acometerá melloras en cinco parques infantís da cidade introducindo novos xogos adaptados. O proxecto foi unha das propostas gañadoras nos Orzamentos Participativos de 2021 e enmárcase no Plan integral de mellora dos parques infantís do Goberno de Inés Rey, con actuacións acometidas en máis de 20 parques dende a súa posta en marcha o pasado ano. As actuacións levaranse a cabo nos parques dos Rosales, Vioño, Fragas do Eume en Novo Mesoiro, praza de Pontevedra e Casares Quiroga en Elviña. O obxectivo é ter espazos infantís accesibles para todos os nenos e nenas, creando máis de 100 novas prazas adaptadas. O proxecto conta cun orzamento de 235.453,17 € e seis meses de prazo de execución.