O Concello da Coruña promove un ano máis o concurso fotográfico para escoller as trece imaxes que formarán parte do Calendario Municipal 2023 (12 imaxes para cada mes e unha para a portada). O obxectivo desta iniciativa é facer partícipe a cidadanía, tanto residentes na cidade como persoas visitantes durante o último ano, desta tradicional publicación.
Este concurso é de participación aberta e as fotografías achegadas deben ser tomadas no termo municipal da Coruña. Nas imaxes destacará o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico da cidade. Terase en conta a calidade técnica e a orixinalidade da imaxe. Cada participante poderá enviar ata un máximo de tres fotografías horizontais e en cor.
O prazo de presentación das imaxes ábrese este mércores 12 de outubro e rematará o 2 de novembro de 2022. As fotografías gañadoras serán publicadas no calendario municipal coa firma de cada un dos seus autores ou autoras.
O xurado estará formado por membros do concello e por tres membros do colectivo de fotoxornalistas. As persoas gañadoras recibirán un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos Museos Científicos Coruñeses para dúas persoas.