A Coruña “desordénase” coas Letras Galegas para festexar a figura de Xela Arias

1 minutes read

O Día das Letras Galegas 2021 celebrarase cunha programación organizada pola Rede de Bibliotecas Municipais e polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña inspirada na posta en valor dunha das autoras máis innovadoras do discurso poético actual, Xela Arias, escritora homenaxeada na edición deste ano.

«Desordénate coas letras» é o nome que recibe a campaña, lembrando as palabras que Marilar Aleixandre destacaba do último libro de Xela Arias antes da súa morte: «desordénome», ao tempo que lles restituía ás palabras a súa orde poética. Segundo a alcaldesa, Inés Rey, este lema constitúe «o punto de partida das denominadas bombas de acción poética nos barrios», coas que se convida a cidadanía a transformar os versos da autora para, desordenando os termos, crear novos poemas experimentais a través dos cancelos: #DesordenateCoasLetras, #LetrasGalegas e #XelaArias2021.

Rey salienta a importancia de facer que estas actividades que se veñen realizando en centros de ensino, clubs de lectura das bibliotecas municipais ou asociacións veciñais sexan extensibles á cidadanía.