Dúas persoas quedaron feridas leves despois de que parte dunha cornixa se desprendera dun edificio no centro da Coruña na noite deste venres para o sábado. O suceso aconteceu nas proximidades da praza de Vigo, momento en que a zona, repleta de numerosos locais de ocio, estaba ateigada de xente. Varios cascallos procedentes da cornixa dun sexto piso desprendéronse á rúa e acabaron alcanzando unha parella na terraza dun restaurante, que por sorte, só recibiron o impacto de pequenas estelas.
O estrondo do desprendemento da cornixa creou un momento de confusión entre a clientela, que saíu correndo ao non saber que estaba a acontecer. Os bombeiros dedicáronse toda a noite a retirar a cornixa afectada e asegurar o resto da estrutura. Está previsto que técnicos do concello comproben o estado do resto dos elementos ornamentais.