A Coruña e Culleredo solicitan unha axuda conxunta para dar emprego e formación a 36 persoas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, asinaron un convenio para presentar unha proposta conxunta coa que optar a unha subvención convocada pola Xunta para promover o emprego. Consiste en realizar dous obradoiros relacionados coa arqueoloxía e o patrimonio de ambos os municipios. No caso do da Coruña, as persoas contratadas deberán ter menos de 30 anos e encargaranse da musealización dixital dos xacementos arqueolóxicos da cidade.

Deste xeito, a Concellaría de Emprego ofertará 16 vacantes para desenvolveren durante 12 meses un proxecto senlleiro co fin de poñer en valor o descuberto nas distintas excavacións arqueolóxicas realizadas até o de agora. A axuda do Goberno autonómico para o obradoiro sería de 369.000 euros, aos que habería que lles sumar 25.000 euros achegados polo Concello. A idea é que o grupo comezase a realizar labores despois do verán. 

Pola súa parte, a proposición cullerdense, cifrada en 408.000 euros, suporía a remodelación da casa coñecida como de Peóns Camiñeiros, de cara a convertela nun centro de interpretación dos camiños, para o que se contratarían 20 persoas durante nove meses.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha