A Coruña mellorará a mobilidade nas Rañas coa creación dunha nova glorieta

1 minutes read

O Concello da Coruña mellorará a mobilidade na zona das Rañas coa creación dunha nova glorieta. O goberno local licitará este proxecto en próximos días atendendo unha demanda da asociación veciñal, que pedía unha melloría da seguridade viaria nun espazo que acumula a diario numeroso tráfico rodado.

O lugar onde estará localizada a nova rotonda está na vía de comunicación baixo a AC-14 e conecta o polígono de Pocomaco, o núcleo das Rañas e a zona comercial de Agrela. Trátase dun cruzamento con gran fluxo de desprazamentos e cunha mala visibilidade. O obxectivo deste proxecto, por tanto, é a mellora das condicións desta intersección, tanto a visibilidade como a seguridade viaria e peonil.

Para conseguilo, proxéctase unha glorieta que ocupará o mesmo espazo existente na actualidade. Procederase á reordenacións de espazos peonís coa instalacións de pasos de peóns elevados, a mellora e ampliación das beirarrúas e a adaptación aos estándares de accesibilidade. Tamén está prevista a creación dunha zona verde con árbores no espazo central da rotonda. Por outra banda, instalaranse novos elementos de sinalización para conseguir unha mellor seguridade e renovarase a iluminación da vía.