A Coruña | Mesa Social polo dereito á vivenda

1 minutes read

O Goberno local e a Marea Atlántica convocan este mércores a primeira xuntanza dunha Mesa Social, á que están convidadas diversas entidades que traballan no eido do senfogarismo e o dereito á vivenda. Trátase do inicio dunha serie de encontros para dialogar co tecido asociativo e elaborar un Plan municipal polo dereito á vivenda 2022-2026. 

A cita será ás 11.30 horas, no Centro Cívico dos Mallos, e contará coa participación do concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada; da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira; e da voceira e vicevoceiro municipais da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez. 

Esta iniciativa forma parte do Acordo para o impulso de medidas polo dereito á vivenda, asinado polo Goberno municipal e o grupo da Marea Atlántica o pasado 29 de decembro, e que suporá dedicar máis de nove millóns de euros a políticas de vivenda no orzamento de 2022, no marco das negociacións que manteñen para aprobalos.  

Entre outras cuestións, comprométense 3,6 millóns de euros para construír vivenda pública en solo municipal e 2 millóns para comprar soares e inmobles destinados ao alugueiro social, así como un incremento do 30% na bolsa de alugueiro social de EMVSA, e unha suba do 20% nas axudas á rehabilitación de vivendas e edificios.