O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, acaba de comezar os traballos de ampliación e mellora no tramo de carril bici existente entre o Campus de Elviña e Mesoiro, unha actuación que se centrará no cruzamento da estrada que circunvala Mesoiro coa avenida García Sabell. Esta actuación da resposta a unha proposta emitida pola asociación Mobi-liza no contexto dos Orzamentos Participativos 2021, con vistas a mellorar a mobilidade e conectividade na contorna. O proxecto implicará a actualización e renovación do paso de peóns existente no cruzamento, creando un novo paso elevado con espazos diferenciados para o itinerario peonil e o carril bici segregado.
Tamén se levará a cabo a ampliación do percorrido do carril bici na contorna, abrindo un novo tramo que conectará o trazado Mesoiro-Campus de Elviña coa estrada do Martinete, a través do paso inferior existente nos terreos colindantes á rotonda da avenida García Sabell. Neste sentido, cabe recordar que os Orzamentos Municipais do 2022 contan con 1,5 millóns de euros para melloras e ampliación do carril bici na cidade.