- Atenderanse situacións xeradas por peche de aulas ou confinamentos por contacto estreito cun positivo
O Concello da Coruña, a través da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación, lanza o programa Canguros COVID Concilia co obxectivo de apoiar ás familias no coidado e apoio educativo das nenas e nenos que se atopan confinados por situación de saúde. Desde a concellería aseguran que se trata de atender situacións xeradas por peches de aulas; confinamentos por ser contacto estreito, con PCR negativo e carácter preventivo; e se non hai máis remedio, peches de colexios ou garderías.
A concelleira Yoya Neira sinala que esta iniciativa «dará resposta á atención a menores confinados durante a xornada laboral mentres as persoas responsables acoden aos seus postos de traballo». O programa ofrece os seguintes servizos:
- Servizo de coidado dirixido a menores de entre 4 meses e seis anos: no seu propio domicilio. Con carácter xeral o servizo prestaríase entre as 7:30 horas e as 22:00 horas.
- Servizo de apoio educativo dirixido a menores de 6 a 12 anos: ademais dos coidados incluiríase o apoio educativo para poder seguir o curso escolar de maneira telemática ou a través da remisión de deberes ao centro escolar. Con carácter xeral o servizo prestaríase de 7:30 a 22:00 horas.