- As actividades están pensadas para centros educativos e tamén para eventos complementarios na cidade
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, presentou esta venres o programa de educación ambiental coincidindo co Día Mundial, que se conmemora este domingo e que incide nesa labor de concienciación e sensibilización que se pretende desde a concellería para ser punta de lanza do debate e iniciativas na loita contra o cambio climático: «Queremos introducir máis alternativas de participación e de divulgación».
Serán en total 420 actividades e 1.500 horas de monitorado dirixidas a toda a cidadanía con diferentes contidos. A edila explicou que unha parte está pensada para os centros educativos con visitas guiadas; outra terá como escenario as praias; e outra constituirana eventos complementarios «para que as persoas coñezan e comprendan cal é o noso papel na conservación ambiental e para facilitar o cambio de actitudes de cara a conseguir un maior compromiso».
Para iso, Medio Ambiente desenvolverá distintos bloques con oito programas para os colexios: ciclo da auga, cambio climático, enerxía, economía circular, residuos e consumo, calidade ambiental, espazos verdes e diversidade biolóxica, xunto aos novos apartados de mobilidade e benestar animal.
En canto aos areais, as citas de concienciación daranse en Riazor-Orzán con rutas para que as pequenas e os pequenos coñezan o litoral e unha campaña de sensibilización e limpeza da praia de Bens, que é a novidade deste ano. As actividades terán lugar no período de vacacións, do 1 de xullo ao 31 agosto, e completaranse cunha oferta de cursos, obradoiros e eventos ambientais cos que celebrarmos efemérides como o Día da Árbore ou o dos Océanos.