A Coruña pioneira en ter bus a gas natural


É ecolóxico, máis barato, con subministración asegurada de materia prima e é tamén pioneiro: recentemente empezou a circular pola comarca da Coruña o primeiro transporte público de España que funciona con gas natural renovable fabricado nunha depuradora, e ademais coruñés (non comprado a Alxeria), tras converter un residuo en enerxía. Esta tecnoloxía do futuro saíu da EDAR Bens, a empresa pública onde se depuran as augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, con axuda de Naturgy e o Centro Tecnolóxico EnergyLab. Estas entidades presentaron este proxecto o pasado mes de outubro, pero ata agora non foi posible facelo realidade debido ás complicacións para superar a ITV, os técnicos do Espírito Santo non viran nada igual cando entrou o bus de Cal Pita nas súas instalacións.

Tras uns días conducindo este bus de biogás, os condutores non notaron ningunha diferenza. O mesmo rendemento, a mesma potencia. “Aínda estamos a controlar os datos, pero xa vimos que baixaron os consumos”, destacou Arturo Míguez, xerente de Cal Pita, empresa que se lanzou a aceptar formar parte desta iniciativa. Este vehículo que cobre a ruta A Coruña, Perillo, San Pedro, O Carballo, Osedo e Sada, percorre uns 80.000 quilómetros ao ano, o que implica reducir moitas toneladas de contaminación ao ano.