- Será do 4 ao 14 de novembro, e contará coa participación de 58 establecementos
A Coruña volverá gozar das mellores tapas no XVII Concurso de Tapas Picadillo 2021, que se desenvolverá entre o 4 e o 14 de novembro, tras a suspensión do evento o pasado ano debido á pandemia. Durante a mañá deste martes tivo lugar a presentación desta edición no Pazo de María Pita polo concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, quen explicou que participarán 58 establecementos cun total de 72 tapas: 42 dentro da categoría tradicional e 30 na creativa. Ademais, 22 tapas participan tamén na categoría maridaxe, que este ano conta coa colaboración da D.O. Monterrei.
Co obxectivo de facilitar a degustación das tapas, deseñáronse catro rutas: a primeira comprende as zonas de Monte Alto, Campo da Leña, Cidade Vella, A Mariña e A Franxa; a segunda as rúas da Barreira, a Estrela, a Galera, San Andrés e Olmos; a terceira sería pola Alameda, Prazas de Galicia e Vigo e Juan Flórez e a cuarta e última iría pola Rolda de Outeiro, Os Rosales, Os Mallos, Catro Camiños e Matogrande.
As tapas serán valoradas por un xurado formado por expertos que terán en conta os criterios de sabor, elaboración, presentación e calidade-prezo. Ademais, o público tamén poderá votar ao Premio Picadillo Cidade da Coruña. Como novidade, este ano a votación será a través dunha ‘web-app’ creada para o certame á que se poderá acceder a través do código QR localizado nos propios locais.
Os establecementos gañadores das dúas categorías principais recibirán 1.000 euros como premio, ademais dun diploma e a chaquetilla conmemorativa; e os locais que alcancen o primeiro posto nas categorías de maridaxe e voto popular levaranse 500€. Para o público participante tamén haberá premios, entre os que se inclúen menús nos establecementos gañadores, entradas en Termaria, viaxes en veleiro pola Ría da Coruña ou rutas en 4×4 e motos de auga.