O Concello da Coruña promove desde esta fin de semana e ata finais de maio un calendario de case 40 percorridos guiados ideados para dar a coñecer as diversas etapas históricas da cidade, así como as principais efemérides, e, por outra banda, as orixes da mitoloxía e as lendas tradicionais asociadas á Coruña.
A iniciativa, dirixida preferentemente ao alumnado das Escolas Deportivas Municipais de maior de idade, enmárcase dentro dos plans do Goberno de Inés Rey para a promoción do deporte e a cultura na Coruña.
As andainas, con acceso de balde ata completar a capacidade prevista para cada un dos percorridos, están dirixidas polo historiador e guía turístico Suso Martínez e comezarán este venres 13 de xaneiro co ‘Deporte coruñés e 50 anos do Palacio de Deportes de Riazor’.
Xa este domingo, día 15 de xaneiro, terá lugar un percorrido especial, ‘Corunna 1809, a paso de vencedores’, unha andaina guiada de carácter temático que conmemora os 214 anos da batalla de Elviña. Neste mes de xaneiro están previstos cinco percorridos programados en total, e ademais o Concello prevé levar a cabo outras 34 andainas entre febreiro e maio.
O formulario de solicitude para asistir ás andainas previstas este mes está aberto desde este martes, 10 de xaneiro. Pódese acceder a través desta ligazón. A información completa sobre os horarios e percorridos de xaneiro está dispoñible na ficha sobre as Andainas Xaneiro 2023 .