A VI Feira Ibérica de Turismo (FIT) da Guarda, en Portugal, abrirá as súas portas do 2 ao 5 de maio, e a Deputación da Coruña será o destino invitado.
Esta feira, que está considerada como a segunda máis grande do país dentro do sector (a de Lisboa encabeza a lista), ten como obxectivo promover o turismo de proximidade, reforzando o fluxo de visitantes nos lugares máis pequenos e/ou con menos densidade.
A Costa da Morte estará presente nesta edición grazas á Deputación da Coruña, que levará ata o país veciño os diversos traballos dos oleiros de Buño (mesmo participando estes nunha mostra en vivo), das palilleiras de Camariñas ou o Asalto ao Castelo, entre outros.
Xosé Regueira, responsable de Turismo da Deputación, participará na inauguración da feira o día 2 de maio e destacou a importancia de poder estar nun evento desta envergadura, sobre todo para promover os recursos turísticos de Galicia.
