A Coruña recupera a titularidade pública dos terreos da Solana


O pleno do Concello da Coruña aprobou cos votos a favor de todos os grupos políticos a modificación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, para cambiar a cualificación do solo do complexo deportivo de La Solana. A aprobación da nova cualificación suporá que La Solana figure como solo dotacional público en lugar de solo dotacional privado.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembrou que a titularidade do solo foi sempre pública e que o cambio que se levou a cabo no PXOM do 2013 foi “un erro do PP que agora se vai subsanar e que supuxo a tramitación de innumerables informes innecesarios”. O responsable de Urbanismo subliñou que a modificación é “un símbolo da defensa do interese público, devolvemos á cidadania os terreos de La Solana”

A modificación puntual, explicou o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, ten como finalidade o cambio de cualificación urbanística outorgada polo plan xeral á parcela, “de sistema local de espazos libres, parque deportivo, de titularidade privada á de sistema xeral de espazos libres, parque deportivo, de titularidade pública” ao tratarse dunha dotación ao servizo da poboación de todo o termo municipal, e non só do barrio no que xeograficamente está inserido.

A xustificación da modificación proposta fundaméntase, apuntou, na política municipal de garantir a titularidade pública de espazos libres e equipamentos, vinculada ao principio xurisprudencial de “non regresión”.

Deste xeito, o equipo de goberno condiciona a futura venda do solo onde se sitúa o complexo deportivo. O Concello non renuncia a facerse con ese solo, a través da venda directa entre administracións, mantendo o seu uso deportivo, subliñou o edil. Nesta liña, aposta polo diálogo con outras administracións para poder levar adiante a transfomación da fachada marítima da cidade, que debe liderar o proceso.