A Coruña recupera os bailes de maiores nos centros cívicos


A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, presentou o calendario de bailes para maiores nos centros cívicos, unha das actividades máis populares e con máis afluencia de público das organizadas polo Concello e que volve á súa programación normal tras dous anos de parada pola epidemia da Covid-19. O primeiro baile celebrarase o vindeiro luns, día 3 de outubro, no Centro Cívico de Monelos e o calendario será similar ao dos anos anteriores. Todos os luns haberá baile no centro cívico de Monelos, os martes en Labañou, os xoves no Castrillón e Eirís (en semanas alternas); os venres nos Mallos, os sábados en San Diego e os domingos en Monte Alto. O horario será sempre o mesmo: de 17.00 a 20.30 horas.