O Concello da Coruña continúa a preparar a temporada de praias na cidade deste verán. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou este venres un reforzo da limpeza dos areais durante os próximos meses. Esta actuación levada a cabo desde a Concellaría de Medio Ambiente irá acompañada da instalación das estruturas de socorrismo, cambiadores e elementos de accesibilidade.
A temporada de verán esténdese desde o 15 de xuño ao 15 de setembro. Neste tempo levaranse a cabo unha serie de tarefas desde o Concello para garantir a calidade destes espazos e das súas persoas usuarias. En primeiro lugar, procedeuse á explanación da duna de protección de Riazor. Aproveitouse para realizar tarefas de acondicionamento coa mesma maquinaria en Orzán e Matadoiro, e con outros medios materiais no resto de areais.
O seguinte paso foi a instalación das casetas de socorrismo. Habilitaranse tamén cambiadores e unha caseta que será empregada pola Fundación María José Jove, onde estarán dispoñibles cadeiras adaptadas para o baño de persoas con mobilidade reducida. A instalación de estruturas completarase despois da noite de San Xoán coa colocación de pasaareas e unha caseta de educación ambiental, onde se levarán a cabo actividades durante o verán de concienciación da cidadanía. Instalaranse tamén papeleiras de residuos orgánicos e inorgánicos.
Durante a noite de San Xoán, o servizo de limpeza reforzarase coa entrega de madeira nos areais. Desde o Concello ínstase a non baixar á praia madeira propia que poida conter cravos e outros elementos que supoñan un risco para a integridade física e o medio ambiente. Ademais, instalaranse novos baños portátiles, que se manterán durante toda a temporada de verán. A Área de Medio Ambiente tamén coordinará os labores de limpeza, que comezarán ás 6.00 horas do 24 de xuño.