A Coruña renova os paneis interpretativos dos dous espazos naturais do Sendeiro Atlántico


O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente e Sustentabilidade, renovou os paneis interpretativos dos dous espazos naturais do coñecido como Sendeiro Atlántico.

O Sendeiro Atlántico, que parte desde o centro da cidade, na zona do Parrote, percorre o bordo litoral do sector norte da cidade ata a praia do Portiño, alternando tramos urbanizados con outros naturais. Pola súa singularidade e relevancia, destacan os Espazos Naturais de Interese Local (ENIL) da Torre de Hércules e as Illas de San Pedro, os dous enclaves nos que se levou a cabo a renovación da sinalización de información ambiental, con datos sobre a biodiversidade de ditos lugares.

Os traballos para renovar os paneis, cofinanciados con fondos europeos FEDER, enmárcanse no contexto da estratexia de rexeneración urbana Eidus Coruña. Os sinais, que cumpren os requisitos físicos, cognitivos e sensoriais de accesibilidade universal, son integramente de metal, resistentes á exposición das condicións estremas climáticas típicas da costa, como a salinidade, a choiva e a humidade. Ademais, nas vindeiras semanas, o Concello reforzará o dispositivo de interpretación dos paneis con códigos QR e un sistema de información específico para persoas invidentes.