O Concello da Coruña, a través da área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, iniciou este luns os traballos de reurbanización e humanización da rúa Severo Ochoa, no polígono de Agrela. As obras, que contan cun orzamento de 833.270 euros e están cofinanciadas con fondos europeos FEDER, enmárcanse no contexto da estratexia de rexeneración urbana Eidus Coruña.
A adxudicación das obras, cualificadas pola alcaldesa, Inés Rey, como «unha das actuacións máis importantes no que vai de mandato» aprobouse a finais de marzo en Xunta de Goberno Local. A intervención, que abrangue unha superficie de 14.696 metros cadrados, ten como principal obxectivo mellorar a accesibilidade ao polígono. Centrarase, concretamente, nas rúas Severo Ochoa, Galileo Galilei e a rotonda que conecta coa rúa Newton.
Os traballos terán unha duración de doce meses e suporán a renovación total do firme e as beirarrúas. Expandiranse as zonas verdes e plantaranse novas árbores na contorna.