A Coruña renovará a iluminación dos campos de fútbol municipais


O Concello da Coruña comezará este luns a renovación integral da iluminación dos campos de fútbol municipais. Está previsto que a execución destes traballos comece nas instalacións Víctor Fernández Alonso.

O Goberno local aproveitará as datas de Nadal para levar a cabo estes traballos nos campos de Agrela I e a Cidade Deportiva A Torre-Arsenio Iglesias e, deste xeito, non prexudicar a actividade das instalacións, que descende durante estas próximas semanas.

O obxecto desta actuación é, por unha banda, mellorar a calidade da iluminación dos campos de fútbol municipais substituíndo as vellas lámpadas por unhas de tipo led de última xeración. Por outra banda, o emprego desta tecnoloxía permitirá acadar un aforro enerxético considerable, xa que levará implementado un sistema de control remoto persoalizable.

Haberá tres tipos de focos, dependendo das dimensións do terreo de xogo e das necesidades e o nivel das actividades que se practiquen nel. A estimación é que coas novas lámpadas o aforro enerxético supere o 50 % con respecto ás actuais.