A Coruña será sede da Agencia Española de Supervisión e Inteligencia Artificial


O Goberno de España deu a coñecer a elección unánime da Coruña como sede para albergar a Agencia Española de Supervisión e Inteligencia Artificial (AESIA), logo do Consello de Ministros e Ministras celebrado este luns. “A elección da Coruña como sede da AESIA sitúanos como a cidade europea máis avanzada na materia, constatando que somos o polo tecnolóxico de referencia en Galicia e agora tamén en España” sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

O Goberno de España, a través da súa voceira Isabel Rodríguez, fixo pública a elección da Coruña como sede da axencia entre as 16 cidades españolas que presentaron a candidatura. A voceira destacou a importancia do tecido universitario, económico e empresarial da cidade como elementos clave para a elección da Coruña. “Desde o principio defendín a nosa idoneidade como sede, avalada pola potencialidade do noso tecido empresarial e universitario. Potencialidades que hoxe son realidades. Sabíamos que eramos a mellor opción e a máis competitiva.” explicou a rexedora.

A alcaldesa, agradeceu o apoio do sector institucional, empresarial e universitario de toda Galicia, destacando ao tecido empresarial da cidade e á Universidade da Coruña especialmente. “Se fomos quen de conseguilo é grazas á forma de traballar que sempre defendín: seria, rigorosa e con moita dedicación. Porque só dende a templanza e o convencemento se pode construír un gran proxecto coma o desta cidade” destacou Inés Rey.