A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal, o primeiro deste ano, e no cal se abordou en forma de moción a necesidade de mellorar a mobilidade entre a cidade e a súa área metropolitana.
O concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, iniciou a súa intervención lembrando que “A Coruña funciona como polo de referencia para os concellos da contorna, no eido laboral, educativo, sanitario, do ocio e os servizos, o que supón que ducias de milleiros de persoas residentes noutros municipios entran e saen a diario da nosa cidade”.
A área metropolitana da Coruña está integrada por dez concellos (A Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo, Cambre, Sada, Betanzos, Bergondo, Carral e Abegondo), no que residen, aproximadamente, 420.000 persoas.
Neste sentido, Lage demandoulle á Xunta de Galicia, que é a Administración competente no referente ao transporte metropolitano, “que se implique e asuma que as liñas e frecuencias se teñen que deseñar en coordinación cos concellos, cunha planificación de futuro. Hai unha eiva que debe ser corrixida, e unha das patas sobre as que debe pivotar a solución é a creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte“.