- O programa terá lugar o 28 no Teatro Rosalía e grazas a el recadaranse fondos para a asociación Asanog
A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, presentou este mércores a sétima edición do programa solidario «A radio conta», de entrada libre e no que participarán ata 40 profesionais do medio radiofónico o día 28, no teatro Rosalía, a partir das 17.00 horas.
Serán tres horas en directo nas que se recadarán fondos para a asociación Asanog, dirixida a mellorar o benestar dos nenos e nenas con cancro e o das súas familias. A rexedora agradeceu o esforzo das persoas participantes porque detrás das tres horas, «hai moito traballo de produción e tempo libre dedicado a esta iniciativa», na que o concello colaborará emitindo a transmisión en tempo real para quen non se poida achegar ao teatro: «Estamos todas e todos na mesma onda co fondo que ten a favor das nenas e nenos que o están a pasar mal, unha cuestión que compartimos como cidade solidaria e inclusiva que aspiramos a ser».
O presentador, Moncho Viña, sinalou que «estamos orgullosos da finalidade e da calidade das seis edicións anteriores, pero ímolas superar» e recordou que haberá xornalistas da Radio Galega, Radio Marca, Onda Cero, Radio Nacional, Intercoruña, Radio Coruña Cadena Ser, Radio Cope e Radio Voz, polo que agradeceu a colaboración das direccións destas emisoras por axudaren a realizar esta homenaxe á radio local e esta chamada á solidariedade, «pensada e repensada durante meses», para a que se subirán ao escenario humoristas e actores como Touriñán, Moncho Borrajo, Luis Iglesia e Marita Martínez.
O secretario de Asanog, César Sobrino, sinalou que levan traballando desde 2013 para atender as necesidades das familias con pequenas e pequenos hospitalizados: «Intentamos que o que sufrimos nós non o padeza quen veña detrás». Os seus obxectivos pasan por pelexaren para que na Coruña haxa un centro de referencia de oncoloxía pediátrica, «que beneficie a detección precoz e o índice de curación», e por conseguiren un piso para se aloxaren as familias non residentes na cidade.