A Costa da Morte loita contra a violencia machista

4 minutes read

Cada día faise máis necesario abordar o tema da violencia de xénero, sobre todo tendo en conta as cifras deste ano: arredor de 6.000 mulleres sufriron nos últimos meses algún tipo de violencia machista en Galicia e cada día os xulgados galegos abren unha media de 17 procedementos penais relacionados con este tipo de violencia.

Asociacións, sindicatos, institucións e persoas particulares manifestáronse este xoves con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Minutos de silencio, lectura de manifestos, manifestacións nas cidades e nos pobos e tamén obradoiros de sensibilización nos centros escolares marcaron a programación dos concellos galegos durante este día 25.

VIMIANZO

As actividades na localidade de Vimianzo arrincaron o día 24 con ‘Vinilos 25N’, un acto de prevención da violencia de xénero dirixida ao alumnado do IES Terra de Soneira.

Durante o propio día houbo varios espectáculos nos centros de primaria vimianceses como ‘A Cabaleira de Medievándalos’ ou o obradoiro-concurso ‘Dando a chapa contra a violencia de xénero’. Tamén se presentou o logo gañador do certame Imaxe gráfica para a igualdade, obra de Mateo Calzas Moreira.

‘Dando a chapa contra a violencia de xénero’_Concello de Vimianzo

Pola tarde tivo lugar ‘Un xardín por (re)construír’, a cargo de Diana Mera, e tamén se procedeu á lectura do manifesto institucional e á posterior concentración onde se gardou un minuto de silencio. Os actos tiveron que trasladarse á Casa da Cultura pola mala previsión meteorolóxica.

A programación pecharase este domingo con Pedro Brandariz e ‘Contos pola igualdade’. Será a partir das 18:30 horas na Casa da Cultura.

CAMARIÑAS

Durante a mañá deste xoves realizouse unha lectura do manifesto no IES Pedra da Aguia. Tamén se desenvolveu unha andaina pola igualdade baixo o título ‘As mulleres de Camariñas: libres e rabudas’.

25N no IES Pedra da Aguia_Concello de Camariñas

CARBALLO

Pola mañá houbo un acto de concentración diante da Casa do Concello, onde acudiron decenas de persoas. Ademais, o goberno local puxo en marcha esta semana a campaña ‘E ti, en que punto estás?’, na que hai máis de cen establecementos adheridos.

Durante a tarde desenvolvéronse varias actividades na planta alta do mercado municipal dirixidas a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos.

A programación continuará o día 30, cunha charla impartida pola activista Marina Marroquí.

Acto 25N_Concello de Carballo

MALPICA

A corporación municipal tamén gardou un minuto de silencio por todas as vítimas que sufriron e sofren violencia machista. Durante este ano en España foron asasinadas 37 mulleres, e desde o Concello apostan por inculcar os valores de igualdade desde a educación.

Minuto de silencio polo 25N_Concello de Malpica

CABANA

O Concello de Cabana tamén puxo en marcha diferentes iniciativas para conmemorar este 25N como ‘A visibilidade da muller. Somos unha voz importante’, un acto no que participaron diferentes voces femininas do panorama artístico e cultural galego.

A Casa do Pendón foi o lugar escollido para celebrar esta xornada, que comezou ás 11:00 horas coa benvida das persoas asistentes por parte da técnica de Cultura, Silvia Losada. Ao longo da mañá interviñeron voces como as de Laura Blanco, Antía Lema, Paula Ordóñez e Iria Rellán, da Escola Municipal de Teatro.

A poetisa Maica Pastoriza Paz foi unha das artistas participantes na actividade coa lectura de ‘Sé ti, sé ceibe’, mentres que a pintora cabanesa Carmen Méndez amosou parte do seu talento con algunha das súas obras, que permanecerán expostas no Centro de Maiores de Neaño a partir do 13 de decembro.

A mañá seguiu adiante coas intervencións de Vicky Varela Ordóñez e de Rosalía Fernández Rial, que seguiron a dar boa mostra da necesidade de visibilizar a figura da muller e de alimentar o movemento en repulsa de calquera tipo de violencia machista.

Logo dun pequeno acto de entrega de agasallos por parte do alcalde, José Muíño, a actividade clausurouse coa actuación musical do grupo Son de Cabana. Desde o goberno local agradecen a colaboración e disposición de todas as persoas e entidades participantes no evento, que «contribúen a darlle voz a unha causa moitas veces invisibilizada».

Acto polo 25N na Casa do Pendón_Concello de Cabana

PONTECESO

Ponteceso conmemorou o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller con varios actos. Pola mañá levouse a cabo una marcha dende o Edificio das Escolas ata a casa consistorial e, acto seguido, dende o Concello leuse un manifesto no que se destacaron os casos máis recentes de vítimas de violencia de xénero, prestando especial atención ó número de menores que quedan orfos por estes crimes.