A Costa da Morte, paga, perdoa, pero non esquece

Inauguración fase I Autovía da Costa da Morte.

A Autovía da Costa da Morte foi unha das promesas que Feijóo, como conselleiro de Manuel Fraga, fixo en 2003 tras o afundimento do “Prestige”, e así o lembrou a propia Xunta este venres no DOG.

En xuño de 2010 o PSdeG denunciou un sobrecusto de 395 millóns na súa segunda licitación con respecto á adxudicación anulada do bipartito.

A Xunta argumentou a finais de 2014 que a súa segunda adxudicataria non era quen de acometer toda a obra pero en vez de rescindirlle o contrato como fixo coa primeira perdooulle varios quilómetros.

Coa prohibición de realizar actos electoralistas en vigor desde hai dez días, unha vez convocadas as eleccións para o 5 de abril, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, desprazouse este venres á zona para presentar a “prolongación da Autovía da Costa da Morte”.

Faino cinco anos despois de que o Goberno galego decidise anular 15 dos 42 quilómetros (o 35%) que ía ter esa infraestrutura, que agora decide retomar pero xa non con características de autovía senón cun carril por sentido, cun custo de 28 millóns que se suman aos máis de 600 millóns que o Goberno galego ten que pagar ata 2038 polos 25 quilómetros xa en servizo.

O PP debería mirarse o embigo e botar contas de ¿porqué?… Gobernaba en Fisterra, Cee, Zas, Carballo, Malpica, Ponteceso, Santa Comba, Deputación da Coruña…E xa non o fai. E tampouco goberna en Corcubión, Dumbría, Camariñas ou Muxía.

Acribillar en campaña con visitas de altos cargos e promesas millonarias é máis ben propio de tempos do pasado. A Costa da Morte pide máis obras e menos misericordias. A xente da Costa da Morte é moi boa xente, paga, perdoa, pero non esquece.

Chucho de Lema.