- Crearase unha batería de propostas dirixida directamente aos concellos para que as adecúen ao seu territorio
Os concellos da Costa da Morte queren estar preparados para afrontar un futuro incerto por iso, a raíz dunha iniciativa dos Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) de Camariñas e Vimianzo, todos os membros dos diferentes municipios da zona crearon un comité de traballo para facer un plan de activación económica da Costa da Morte.
Nun primeiro momento organizouse un grupo de traballo máis reducido, conformado por un total de sete ADL de cinco concellos: Camariñas, Vimianzo, Carnota, Mazaricos y Zas. A ese grupo tamén se uniu a Deputación de A Coruña a través dunha axente de desenvolvemento local da área de promoción económica provincial. Pola súa parte, a Asociación Finisterrae de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia AFIPRODEL tamén se involucrou desde o principio, aportando ferramentas e asesorando aos profesionais.
“A idea é analizar a situación na que nos atopamos, que escenarios son os que poderemos atoparnos cando isto pase e, con todo isto, articular un conxunto de accións que sexan eficientes e poidan poñerse en práctica aproveitando os recursos locais e a coordinación entre os municipios”, argumentan desde o comité de traballo.
A estratexia deste comité de traballo desenvolverase en tres niveis: a elaboración dunha batería de propostas dirixida directamente aos concellos para que as adecúen ao seu territorio; a creación de accións tendo en conta que se poidan abrir liñas de subvencións a nivel provincial, autonómico e estatal e que esta batería de propostas poida ser presentada a novas liñas dentro da Comunidade Europea.