A Costa da Morte recibe preto de 15M€ do Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña

1 minutes read

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou na súa convocatoria deste mes de abril un modificativo de crédito que incrementa o Plan Único de Concellos en 25 millóns de euros, pasando así a contar cun orzamento de 89.600.000 euros. Desta cantidade, uns 15 millóns de euros estarán destinados aos concellos da Costa da Morte, paliando así o esquecemento orzamentario que veñen sufrindo por parte doutras administracións.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a utilidade do plan para mellorar as infarestructuras e servizos dos 93 municipios da provincia, así como para atender as necesidades no eido social derivadas da pandemia da Covid-19.

Para o vicepresidente e deputado de Plans Provinciais, Xosé Regueira, «afortalar e dotar de orzamentos o Plan Único é unha das mellores decisións que pode tomar esta institución porque ninguén mellor que as corporacións locais para decidir en que investir os seus orzamentos e, por esta razón, temos claro que é a ferramenta máis útil e acaída para trasladar aos concellos o orzamento da Deputación da Coruña, con criterios obxectivos e unha distribución xusta», concluíu.