- O mal tempo condicionou moitos dos actos programados ao aire libre como a andaina pola igualdade prevista en Camariñas que foi suspendida.
En Vimianzo a sala Antón Mouzo quedou pequena para acoller a presentación do podcast ‘8 miradas’, a actividade central da campaña municipal do 8M, Día Internacional da Muller.
Nunha emotiva gala presentada e conducida polo psicólogo municipal, Sergio Trillo, o público asistente puido ver, en primicia, un vídeo resumo das oito entrevistas que dan forma a esta iniciativa, que ten por obxectivo dar a coñecer a historia de distintas mulleres do municipio.
Mulleres diferentes, únicas, con perfís e experiencias moi distintas e peculiares que están conectadas por un nexo: traballar incansablemente para facer realidade os seus soños. Elas, que tamén tiveron un papel protagonista neste evento, son: Bintou Coly, Carmen Limideiro, Natalia Lema, Carmen Lorenzo, Teresa Ferreira, Manuela Conde, Sabine Pfeiffer e Mónica Rodríguez.
En cada unha das pezas recóllese parte da súa historia e do seu papel na sociedade, do seu traballo e esforzo por conseguir todo o que se propuxeran como meta. Os vídeos serán presentados de maneira semanal nas redes sociais municipais.
O formato podcast foi escollido coa meta de romper as barreiras comunicativas entre xeracións e presentarlle ás máis novas, nas plataformas que usan de maneira cotiá, a historia de oito mulleres que son, tal e como as definiu a concelleira de Benestar Social, María José Pose, “un exemplo de superación, esforzo e dedicación”.
A edil quixo agradecerlles a todas a súa participación “fostes quen de mostrarnos de maneira natural a vosa historia, os pasos que vos levaron a conseguir grandes logros e estar hoxe aquí, amosándonos un pouco máis do voso traballo. Moitas grazas por dedicarnos o voso tempo e compartir connosco a vosa experiencia. Sodes exemplo de superación, valentía, traballo e esforzo e, por suposto, sodes exemplo para todos os vimianceses e vimiancesas”.
Pola súa parte, a alcaldesa e protagonista do último episodio, Mónica Rodríguez, salientou que “é un orgullo poder estar hoxe aquí e ver como, unha vez máis, Vimianzo está unido pola igualdade. Grazas a todos e todas por vir e acompañarnos neste día tan especial. Ver a sala de Antón Mouzo así de chea é todo un orgullo. Moitas grazas a todos e todas por sumarvos a esta data e conmemorar o 8M como merecemos”.

Lectura da declaración institucional
Para rematar o acto, Pose procedeu á lectura da declaración institucional, na que defendeu que o 8M é unha oportunidade máis para demostrar o compromiso “coa igualdade en todos os espazos da vida”. Tamén, por suposto, naqueles máis masculinizados, polo que, como fixo referencia a edil “desde a administración local, podemos e debemos poñer en marcha medidas que axuden a corrixir este tipo de discriminacións”.
Para rematar, a concelleira fixo referencia “ao compromiso desta administración para seguir traballando en avanzar en igualdade” e resaltou que é fundamental “promover a participación equitativa das mulleres en todos os ámbitos, con accións de sensibilización, capacitación e visibilización” que recorden, todos os días do ano, que hai que seguir traballando para alcanzar a igualdade.
OUTROS ACTOS

A veciñanza de Cabana realizou un roteiro por Ferrol, no que puido aprender moito sobre as figuras femininas máis relevantes da contorna, na que compartiron unha agradable xornada en comunidade, acompañados do alcalde, José Muiño, e o concelleiro de Obras, Carlos Allo.

En Malpica, membros da corporación municipal concentráronse con motivo do Día Internacional da Muller, no salón de plenos do Concello. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, leu o manifesto co lema deste ano: “Mulleres guerreiras con luz propia”. Ademáis, publicouse, nas redes sociais un podscast co testimonio da veciña de Buño, Manuela Sanchez Sanmartín, unha Muller pioneira que comezou, sen pretendelo, unha dura loita en prol da igualdade.