A Costa da Morte volverá ser protagonista da 75 edición de La Vuelta a España, que este martes presentou en Madrid a súa edición 2020. Será La Vuelta máis internacional ata o momento, pois disputará as tres primeiras xornadas nos Países Baixos e percorrerá tamén estradas de Francia e Portugal ao longo de 21 etapas.
O acto contou coa presenza do deputado de Vías e Obras e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e da deputada de Deportes, Cristina Capelán, que destacaron que «co apoio da Deputación, a da Costa da Morte vai ser unha das etapas de referencia na edición 2020 de La Vuelta».
Os representantes da Deputación sinalaron ademais que o carácter internacional desta edición «permitirá dar aínda unha maior proxección da nosa provincia a nivel mundial» nun evento televisado en directo que cada ano é seguido por millóns de espectadores en máis de 90 países.
A da Costa da Morte será unha etapa decisiva, pois terá lugar o 1 de setembro, na última semana da carreira, e en formato «contra-reloxo». Partindo de Muros, atravesará 33,5 quilómetros pasando por Lariño, Carnota, San Mamede, Panchés, Quilmas e O Pindo para rematar nun dos finais máis duros e emblemáticos da historia de La Vuelta: o miradoiro do Monte Ézaro, en Dumbría, cunha pendente do 30% e vistas espectaculares na única cascada de Europa que desemboca directamente ao mar.