A Costa da Morte ‘sorprende’ en Fitur

5 minutes read

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra do 24 ao 28 de xaneiro en IFEMA (Madrid) foi o lugar escollido por varios concellos da Costa da morte para reivindicar os seus potenciais como destinos turísticos de referencia en Galicia.

Na presentación, realizada no stand de Tourespaña, deuse a coñecer a campaña ‘Camariñas Sorprende’ cun vídeo promocional, no que se pretende dar valor ás festas, ás tradicións, ás paisaxes e a gastronomía do municipio. Desde a maior lumarea de San Xoán de toda Galicia pasando polo Día do Carme en Camariñas e Camelle coas dúas danzas de arcos e procesións marítimas, a festa do Ariño en Xaviña, o caldo de Riola na Ponte do Porto e San Bartolo en Arou.

Ademais, na peza audiovisual tamén se poden apreciar as impresionantes paisaxes que conforman o municipio, a súa extraordinaria gastronomía, a beleza do ceo que permitiu que Camariñas fose designado como destino Starlight, o Camiño dos Faros e, como non, o encaixe e a Mostra.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “Camariñas Sorprende porque é o lugar no que o imposible se fai posible, no que cada día é un regalo por abrir e no que as tradicións máis ancestrais convértense en arte e modernidade para dar identidade a unha paisaxe de película”.

“Cada festa en Camariñas é un acontecemento, coa súa historia e costumes. É unha forma de expresarnos como pobo, de marcar a lume, de xeración en xeración, a nosa identidade. Todas son diferentes, todas son especiais, todas forman Camariñas”, salientou.

A rexedora tamén se referiu ás paisaxes, “das que é complicado expresar con palabras unha beleza de tal calibre. Camariñas é un mar feroz, valente e fermoso, e tamén é terra, con praias, acantilados e rutas de sendeirismo, bañadas por un océano de estrelas e vixiados polo noso gardián máis fiable: o faro Vilán, insignia e lenda do noso pobo”.

XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña”

Como nos últimos anos, tamén se presentou en FITUR o cartel da XXXIII edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará en Semana Santa, do 27 ao 31 de marzo, e que se une ao lema ‘Camariñas Sorprende’.

Unha declaración de intencións plasmada xa no propio cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella, Esteban Freiría, que busca un cambio de tendencia con respecto á imaxe das anteriores edicións e deixa ben claro o que é hoxe en día a Mostra e o encaixe: modernidade e vangarda.

A intención do cartel, que na súa estrutura quere imitar ás cabeceiras máis recoñecidas das revistas de moda, é, por un lado, atraer ao público máis mozo, e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda máis que na da artesanía, que tamén está recoñecida.

“Propuse un cambio radical y el departamento de la Mostra aceptó el reto”, explica Esteban Freiría, que, xunto cun equipo de profesionais da fotografía e o deseño, apostou por “una moda urbana, que se vea que el encaixe puede ser muy versátil sin perder su esencia y tradición, solo hace falta intención y darle a la cabeza”.

Pola súa parte, Sandra Insua, indicou en Madrid que “hai algo en Camariñas que non existe en ningunha outra parte do mundo, algo que todos e cada un de nós nos orgullecemos e mostramos en cada lugar ao que vamos. É algo único e irrepetible, unha artesanía milenaria forxada por mans expertas, que transmiten o seu coñecemento ás seguintes xeracións: o encaixe de Camariñas”.

VIMIANZO

“Vive Vimianzo entre sabores e tradición” é o lema da campaña turística que o Concello expuxo no posto de TURESPAÑA este mércores no pavillón 9.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, presentou unha peza audiovisual inédita sobre as principais potencialidades da capital da Terra de Soneira e, posteriormente, tivo lugar unha degustación dos principais petiscos da gastronomía local. Estivo acompañada das concelleiras de Benestar Social e Turismo, María José Pose e Beatriz Pazos.

Na proxección pódense ver imaxes da Faguía de Carnés e o Asalto ao Castelo de Vimianzo, as dúas Festas de Interese Turístico Galego de Vimianzo, a Merenda de Castrobuxán, os Penedos de Pasarela e Traba, o Monte Faro, os Batáns e Muíños

do Mosquetín, o Castro das Barreiras, o Dolmen Pedra da Arca, ou o Muíño de Mareas de Cereixo.

“O Castelo de Vimianzo é o noso emblema, a nosa insignia, pero non a nosa única “fortaleza”, xa que o Castro das Barreiras, os Penedos de Pasarela e Traba, a ruta dos Dolmens, os nosos cruceiros ou os nosos hórreos son algúns dos nosos puntos de especial relevancia”, destacou Rodríguez no seu discurso.

“Pero cando falamos de patrimonio tendemos a pensar en cousas materiais, tanxibles, e temos outro moitísimo máis importante: a nosa xente. Todas esas persoas que fan posible que, ano tras ano, Vimianzo medre en relevancia turística e contribúan a preservar a nosa cultura e tradicións”, destacou a alcaldesa de Vimianzo.

Rodríguez finalizou querendo lembrarse de que “todo o que somos non sería posible sen o esforzo diario de tanta xente, de tantas persoas que non o fan por interese propio: que o fan por amor e devoción pola súa terra e por manter vivo o lume das nosas costumes”, enfatizando que isto se trata “do alento para as novas xeracións, para que coñezan e manteñan vivo ao corazón da Terra de Soneira. Para que Vimianzo siga medrando”.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, xunto ao alcalde de Muxía, Iago Toba, repartindo pinchos entre os presentes.