A Costa da Morte terá un dos 12 polos de emprendemento no rural


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou en Vimianzo que a Costa da Morte será unha das zonas estratéxicas onde se asentará un dos 12 polos de emprendemento no rural, que a Xunta impulsará para dinamizar o emprego local a través de fórmulas de microemprendemento autónomo e de economía social innovadoras.


A conselleira expuxo que esta iniciativa forma parte dos orzamentos da Consellería de Emprego e Igualdade para 2022, que suman un total de 380 millóns de euros, un 9,2% máis que en 2021, para impulsar “unha Galicia máis igualitaria, competitiva, transformadora e vangardista” e un mercado laboral “máis profesionalizado, produtivo e colaborativo”.


Lorenzana puxo en valor a área destinada á formación para o emprego, que crece nun 50%, cun total de 184 millóns de euros, para poñer en marcha novas iniciativas como a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que comezará a súa andadura o próximo 9 de novembro grazas a un “gran pacto social”. O obxectivo desta planificación é coñecer as necesidades da man de obra do sector produtivo empresarial galego para proporcionarlle unha formación axeitada que revierta nunha mellora da competitividade empresarial.


A Xunta, ademais, traballa, neste ámbito, no deseño dun estudo de tecnoloxías emerxentes para elaborar unha proposta de novas cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro. Trátase dunha diagnose baseada na implantación de tecnoloxías emerxentes para prever os requerimentos formativos que serán demandados polo mercado de traballo en 15 sectores como son a construción, a automoción, a distribución, a alimentación, a sanidade, o lecer e os servizos, entre outros.