A crise do coronavirus destrúe emprego en Galicia a velocidade de vértigo

1 minutes read

No pasado mes de abril, o paro rexistrado aumentou en Galicia en 17.148 persoas, alcanzando unha cifra total de 191.629, 25.403 máis que hai un ano. Neste mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social descendeu en 27.853 persoas, caendo notablemente do nivel do millón de afiliacións ata as 974.770; 35.821 menos que doce meses antes. Máis de 17.000 novos parados e case 28.000 empregos destruídos en abril, fondas variacións que non se deran nun só mes en toda a crise anterior, nin tan sequera nas peores etapas. De feito, o aumento interanual do paro rexistrado, de máis do 15% e unhas 25.000 persoas, sitúase en niveis do outono de 2008, pouco despois da quebra de Lehman Brothers e do comezo da dura recesión. Malia que Galicia rexistra a quinta maior suba porcentual do paro e está por riba da media estatal, a Xunta preferiu buscar o dato positivo ao destacar que é «a terceira comunidade na que o seu mercado laboral resiste mellor a parálise económica derivada da covid-19».