O director da emisora pública acusa á organización dos premios María Casares de pedir emisión en directo e que lles pagasen o sobrecusto da iluminación, xustificando así que por vez primeira os galegos non puidesen ver en directo a gala de premios do seu teatro.
O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu o “dereito á liberdade de expresión” e “creación artística” e alerta do “perigo” de sacar o humor de contexto, tras as críticas do Partido Socialista ao “machismo” do programa Land Rober e á súa utilización política coa ” sobreexposición” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Por outra banda, na comisión parlamentaria, a deputada do BNG Olalla Rodil criticou que por primeira vez este ano a TVG non emitise a gala dos Premios María Casares de teatro, que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, nunha decisión que achacou á “soberbia” da dirección da corporación e ao “deixamento” cos sectores culturais.