Este luns 5 de febreiro, a CRTVG organizará e emitirá o debate electoral para os comicios autonómicos do 18F. Este contará coa participación das cinco formacións políticas que en Galicia teñen carácter de «grupo representativo» ou «grupo político significativo» segundo a Xunta Electoral de Galicia.
O debate celebrarase a partir das 21:30 horas, puidendo seguilo a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega, a G2 (con intérprete en lingua de signos), e tamén nos medios dixitais da Corporación. Esta será a primeira retransmisión que fará a CRTVG dende o renovado Estudio 300 de Informativos.
A moderación do debate irá da man dos xornalistas Marta Darriba, redactora xefa, e Alejandro López, subdirector da Área de Información e Documentación da CRTVG.
Os candidatos, Alfonso Rueda polo PPdeG, Ana Pontón polo BNG, José Ramón Gómez Besteiro polo PSdeG, Marta Lois por Sumar Galicia e Isabel Faraldo por Podemos Galicia, confrontarán as súas posicións sobre asuntos de máximo interese para a cidadanía.