A dirección da CRTVG prohibe celebrar as asembleas de traballadores nas súas instalacións dous días despois da folga do pasado 6 de marzo contra a “manipulación” e o “clima laboral abafante e insostible” nos medios públicos.
O director de Recursos Humanos da Corporación comunicou este mércores por carta ao presidente do comité intercentros que o persoal non poderá reunirse en asemblea na súa sede central en San Marcos (Compostela). Aborta así a convocatoria da representación laboral para mañá e o vindeiro sábado, coa que se pretendían decidir as datas dos vindeiros paros. E fíxoo aludindo a un artigo do Estatuto dos Traballadores que exime á empresa de ceder as instalacións no caso de que non transcorresen dous meses desde a última xuntanza celebrada.
“Non hai máis razón que a represión, máis aló da legalidade ou non da medida, porque sempre se fixeron as asembleas así, ás mesmas horas e coa mesma frecuencia”, explican fontes do comité que aclaran que a CRTVG nunha invocara esta condición para restrinxir reunión ningunha. “É unha agresión radical ao cadro de persoal inédita na historia das relacións laborais dos nosos medios públicos”, asegurou o sindicato CUT. Un día antes, a CIG acusara o director de Recursos Humanos de botar do seu despacho á representación sindical.
“Agora prohíbenlles xuntarse dentro das instalacións do centro de traballo. Abuso de poder, manipulación informativa, persecución de traballadores… Que máis práctica mamporrera van pór en práctica?”, preguntouse Olalla Rodil, deputada do BNG e voceira na comisión de control da CRTVG no Parlamento. “A Corporación nega ao comité celebrar asembleas no marco das convocatorias de folga”, denunciou Noelia Otero, portavoz socialista na mesma comisión.
A folga deste pasado luns foi un episodio máis dunha mobilización e malestar que non cesa. Denuncias de inxerencias políticas en contidos informativos -que a dirección nega- ou de traslados de profesionais entre medios da corporación a modo de represalia -que a dirección rexeita- son algúns dos últimos episodios do conflito que segue a ferver na CRTVG. En paralelo, as protestas do colectivo Defende A Galega nos venres negros veñen de cumprir xa 250 semanas reclamando o fin da “manipulación”, a aplicación da lei de medios, a remuda do director xeral e solucións ao “desmantelamento” dos medios públicos galegos.