- Entre marzo e maio desenvolvéronse unha trintena de actividades retransmitidas, na súa maior parte, a través das redes sociais
Carballo continuou sendo un concello de referencia en canto á aposta pola cultura grazas á programación «Cultura con forza», posta en marcha desde o Concello ofrecendo durante tres meses máis dunha trintena de actividades para «reivindicar a actividade cultural como unha das fortalezas da sociedade, para poñer en valor a capacidade creativa dun sector moi castigado pola pandemia e para reforzar o papel dinamizador do Concello de Carballo», aseguran desde a Concellaría de Cultura.
Entre os meses de marzo e maio desenvolvéronse diversos espectáculos para todos os públicos e de todos os xéneros: teatro, música, danza, cine, artes plásticas… Ademais, ao longo desta semana no Pazo da Cultura están á disposición do público, de luns a venres, as exposicións das edicións XXII e XXIII do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís e do Premio de Artes Gráficas Jesús Núñez.
«Grazas ás redes sociais, as limitacións de aforo establecidas en cada momento polos protocolos anticovid non impediron que o público seguise gozando da cultura», sinalan desde o consistorio. As retransmisións en directo dos espectáculos musicais, teatrais e de danza que se desenvolveron no Pazo da Cultura, xunto coas sesións de contacontos dos Ratos de Lonxedetodo que tiveron lugar na Biblioteca Rego da Balsa, superaron as 10.000 visualizacións, sobre todo a través de Facebook.
Nas propostas nas que non foi posible ofrecer esa opción, como nas proxeccións do ciclo de cine euroárabe “Amal en Ruta”, os asentos dispoñibles ocupáronse practicamente na súa totalidade todos os venres.