A cultura galega celebra 438 actuacións musicais e escénicas en 20 países

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de adxudicar 460.000 euros en subvencións á distribución cultural para cofinanciar os gastos asumidos por 50 empresas dos sectores das artes escénicas e musicais na celebración de 438 actuacións en Galicia e no resto de España, así como tamén as súas xiras polo estranxeiro, en liña cos eixos de actuación do Plan Xeración Cultura aprobado para este ano 2023. Deste cómputo global, 299 responden a representacións escénicas e as 139 restantes, a concertos. Alemaña, Luxemburgo, Francia, Portugal, Polonia, Estonia, Lituania e Eslovenia son os destinos dentro da Unión Europea, mentres que as saídas a América Latina se reparten entre Chile, Brasil, Colombia, Uruguai, Ecuador, Cuba, Arxentina, México e Costa Rica. Na relación de países, atopamos tamén fóra do territorio comunitario Reino Unido, Canadá e Cabo Verde. Deste xeito, promóvese a exhibición da creatividade do noso tecido cultural en citas musicais tan destacadas como o Celtic Connections de Glasgow, o Babel Music de Marsella, The Great Escape de Brighton ou o Internationale Kulturbörse de Freiburg. En canto ás artes escénicas, estase a facilitar a concorrencia de compañías teatrais en citas clave do circuito estatal como son Fetén-Xixón ou Madferia e festivais internacionais como o Forum Maia ou o Festival Internacional de Teatro Manizales.