A cultura volve a Malpica cunha exposición nas rúas

Puerto de Malpica

  • Neste mes de marzo tamén haberá varias actuacións de teatro, ademais da entrega de premios do concurso ‘Rúa dos Contos’

O Concello de Malpica retoma a actividade cultural prevista para o pasado mes de novembro. Tras o levantamento dalgunhas restricións, o municipio acollerá ao longo deste mes de marzo distintas representacións teatrais nas instalacións do Centro Cívico, así como a entrega de premios do concurso de microrrelatos ‘Rúa dos Contos’ que se celebrou en abril e maio do 2020. Este último acto terá lugar na Praza do Campo este sábado ás 12:00 horas, e as obras dos participantes quedarán expostas nas rúas da vila.

Ese mesmo día, ás 19:00 horas, celebrarase un novo Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’, que este ano cumpre a súa 15ª edición. Ademais, a compañía Aldaolado marcará o reinicio das representacións culturais no Centro Cívico coa súa obra ‘Epístola ás neofalantes’.

O 7 de marzo Tarabela Creativa escenificará ‘Tabú’, de Carmen Conde, para conmemorar o Día Internacional da Muller. O domingo 14 será a quenda do Teatro da Ramboia con ‘O meu mundo non é deste reino’. Finalmente, ‘Medida x Medida’ de Producións Teatrais Excéntricas pechará este pequeno ciclo de actuacións o día 21. Todos estes espectáculos darán inicio ás 18:00 horas.

As persoas interesadas en acudir deberán solicitar previamente as entradas chamando ao Departamento de Cultura no 981 707 104, ou ao Concello no 981 720 001. O aforo estará limitado ao 30% e deberán cumprirse as medidas sanitarias vixentes.