O Concello de Muxía vén de presentar o cartel da XXVI edición da Festa do Congro. O alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, encargáronse de dar os detalles desta edición na que os eixos principais son a gastronomía local e a volta ás orixes da festa tradicional.
Despois duns anos post pandemia nos que se tomou a decisión de aumentar o protagonismo das actuacións musicais nocturnas para axudar a recuperar a normalidade e dar un impulso á economía local afectada, nesta edición a aposta volve ser a pura festa gastronómica, centrada na degustación deste peixe tan arraigado ao municipio.
As persoas asistentes á festa o venres, 29 de marzo, poderán probar diferentes elaboracións co congro como elemento principal, desde o produto á prancha, ata as empanadas de trigo e millo, pasando polo aclamado salpicón, un éxito ano tras ano.
A xornada gastronómica terá lugar a partir das 13:00 horas, no porto de Muxía, e estará amenizada coa música de Xaramiños do Corpiño. Ademais, o sábado, 30 de marzo, coa colaboración da comisión de festas da Barca, organízase unha degustación de mexillón, que terá lugar a partir das 13:00 horas no paseo marítimo.
Promo do evento.
Exposición de secadoiros de congro
Como novidade, esta edición achega a exposición ‘Secadoiros de Congro’, que estará dispoñible desde o sábado, 23 de marzo, ata o luns, 1 de abril, na casa das Beiras. Así mesmo, coincidindo coas datas da exposición, a Casa das Beiras tamén acollerá unha pequena mostra de artesanía ao vivo.
A entrada mantén o prezo de edicións pasadas, 5 euros, e inclúe a degustación de distintas elaboracións co congro, pan artesán, viño ou auga e unha cunca conmemorativa da festa de olería de Buño.
O alcalde, Iago Toba, salientou na presentación “a aposta do goberno local por rendir unha homenaxe ás nosas orixes e a esta festa, que forma parte da tradición do municipio e pon en valor un produto arraigado a Muxía como é o congro”.