A Delegación do Goberno en Galicia celebra a Semana da Administración Aberta


A Delegación do Goberno en Galicia súmase á celebración da Semana da Administración Aberta, que se celebra entre o 27 de xuño e o 1 de xullo, cun programa de actos que se estenderá ás catro provincias galegas. O delegado do Goberno, José Miñones, abrirá este programa exercendo de anfitrión nunha xornada de portas abertas na sede da Delegación do Goberno, na Praza de Ourense da Coruña, que terá a súa réplica nas sedes das subdelegacións do Goberno durante o resto da semana. O programa inclúe actos abertos ao conxunto da cidadanía e encontros de tipo sectorial con colectivos que teñen unha relación administrativa máis habitual, como avogados e avogadas. A Semana da Administración Aberta é unha iniciativa impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) e organizada en España pola Subdirección Xeral de Goberno Aberto do Ministerio de Facenda e Función Pública. O obxectivo desta iniciativa é achegar as Administracións Públicas á cidadanía, baseándose nos principios do Goberno Aberto: transparencia, rendición de contas, participación cidadá, integridade pública e colaboración.