A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas a actividades de promoción económica


A Deputación da Coruña vén de abrir o prazo para que entidades sen ánimo de lucro soliciten as axudas para a realización de actividades de promoción económica neste 2021. As contías das subvencións oscilan entre un mínimo de 1.200 euros e un máximo de 28.000 euros, que se dedicarán ao financiamento dos custos de organización de actividades como congresos, exposicións, talleres, xornadas, estudos e seminarios; festas de recoñecido interese turístico e feiras de artesanía e exaltación de produtos típicos da zona; iniciativas de difusión e animación do comercio local; e apoio ás liñas de comercialización e promoción dos produtos de calidade. O prazo para solicitar as subvencións rematará ás 14:00 horas do 14 de maio de 2021. As propostas deberán presentarse vía telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.