A Deputación achega máis de 86 mil euros ás empresas de Ponteceso


A Deputación Provincial da Coruña outorgará unha subvención de 86.872,02 euros, correspondentes ao 80% do importe total a xustificar (108.590,03, dos cales a axuda municipal do Concello de Ponteceso sería de 21.718,01 euros), para a xestión de axudas destinadas a gastos correntes de traballadores autónomos e as microempresas radicadas no termo municipal.
O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, foi claro: “Isto demostra a boa saúde da economía municipal, a pesar do esforzo inversor dos últimos anos”. Tamén se amosou determinado: “O Concello segue a funcionar, a proba está aquí”, explicou o dirixente.
O Concello de Ponteceso vai aprobar a solicitude á Deputación, que publicará os concellos beneficiarios da axuda. Tras isto, e nun prazo máximo de 5 días, o Concello vai publicar a orde de axudas e todas as empresa poderán solicitalas, aínda que tan só por vía telemática, como esixe agora a lei de procedemento administrativo para as persoas xurídicas.
Estas axudas van dirixidas a traballadores autónomos, con ou sen traballadores ao seu cargo, e microempresas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

  • Grupo I: que se visen afectados polo peche ocasionado pola proclamación do estado de alarma.
  • Grupo II: que non se visen afectados polo peche, pero cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vira reducida, polo menos, nun 75% en relación coa media efectuada no semestre anterior á declaración do estado de alarma.
  • Grupo III: que se viran na obriga de acollerse a un ERTE nos termos establecidos no Real Decreto 465/2020 do 17 de marzo.
    Os beneficiarios das axudas deberán cumprir cos seguintes requisitos:
  1. Ter o seu domicilio fiscal nun dos municipios adheridos ao Fondo de Financiamento.
  2. Non atoparse incursas en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  3. Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT e coa TXSS.
  4. Non ter débedas co Concello.
  5. Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa CC.AA. de Galicia e coa Deputación da Coruña.
  6. Cumprir coas obrigas establecidas na base 14 da convocatoria.
    Para a presentación da solicitude é necesario dispoñer dos certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados de sinatura electrónica. O prazo de presentación de solicitudes será determinado na Resolución da Presidencia da Deputación de constitución definitiva do Fondo de Financiamento. Este prazo non excederá de 15 días hábiles.
    A documentación que debe presentarse será a seguinte:
  • NIF/NIE ou CIF
  • Designación de conta bancaria segundo o modelo normalizado do Concello
  • Anexo VIII: solicitude da axuda
  • Anexo IX: declaración responsable do cumprimento de requisitos e obrigas
  • Beneficiarios do Grupo I: certificado actualizado de Situación Censal da Axencia Estatal Tributaria, e informe actualizado de Vida Laboral da Empresa, expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social no que se inclúa o seu número de traballadores/as
  • Beneficiarios do Grupo II: ademais da documentación indicada para o Grupo I, acreditación da redución de ingresos dende os seis meses previos á declaración do estado de alarma e ata a data de presentación da solicitude da axuda, mediante a presentación dalgún dos seguintes documentos: copia do libro de rexistro de facturas, libro diario de gastos, libro rexistro de vendas e ingresos e libro de compras e gastos, ou declaración de IVE, IRPF.
  • Beneficiarios do Grupo III: ademais da documentación indicada para o Grupo I, documento acreditativo da situación de ERTE
    Terán a consideración de gastos subvencionables aquelas actividades que estean dentro dos seguintes conceptos de gasto:
  • Compra de material: material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza
  • Arrendamentos e canons: arrendamentos de maquinaria, vehículos, locais ou instalacións, sempre e cando non sexa parte da vivenda da persoa solicitante ou espazo compartido con outra empresa e non exista relación de parentesco ata 2.º grao de consanguinidade ou afinidade co/a arrendador/a do local, nin sexa socio/a ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendador/a
  • Reparación e conservación: adaptación de locais ás medidas de protección fronte á COVID-19 (biombos de protección, etc).
  • Primas seguros: seguros de responsabilidade civil, seguros de accidentes.
  • Subministracións: auga, gas, combustibles, electricidade