A Deputación agradece o traballo das agrupacións de Protección Civil durante a pandemia

1 minutes read

A Deputación da Coruña prepara, en canto a situación o permita, «un acto público de recoñecemento a todos os voluntarios e voluntarias que deron o mellor de si mesmos durante a crise do covid-19».

Así llo trasladaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Promoción Económica, Blas García, aos responsables dunha vintena de agrupacións da provincia e da Asociación Provincial de Protección Civil cos que mantiveron unha reunión telemática.

González Formoso interesouse polas distintas actividades que realizaron durante esta crise, dende a desinfección de espazos públicos ao reparto de material; polo incremento do número de voluntarios que se rexistrou en moitos municipios, así como polas necesidades principais das agrupacións en canto a recursos ou material.

Blas García, que ademais de deputado é voluntario de Protección Civil, lembrou que a Deputación traballa nunha liña de axudas para que as agrupacións de concellos de menos de 50.000 habitantes poidan dotarse de motocicletas, bicicletas ou equipos de comunicacións, aos que poderían sumarse equipos de rescate e salvamento acuático.

Na reunión, ademais da Asociación Provincial de Protección Civil, participaron representantes das agrupacións de Vedra, Cerceda, Mazaricos, Pontedeume, Cedeira, Ferrol, Coristanco, Fene, Valdoviño, Betanzos, Oroso, Dumbría, Muros, Santiago, Negreira, Ames, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Boqueixón, A Laracha, Abegondo e Ortigueira.