Así o decidiron o presidente provincial, Valentín González Formoso, e os alcaldes de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e Negreira, Manuel Angel Leis, nunha reunión cos técnicos do servizo de Vías e Obras para seleccionar cal das distintas opcións expostas no estudo técnico previo realizado sería a máis viable técnica e economicamente para mellorar a seguridade garantindo o tráfico simultáneo nos dous sentidos de circulación, algo que agora non se pode facer, dado que a ponte actual conta cun ancho útil de apenas 3,50 metros. A este problema súmase a limitación do peso autorizado a 16 toneladas, o que perxudica gravemente ao sector do transporte e ao agrícola de ambos os dous concellos, segundo afirman os alcaldes, que explicaron que os camións, vehículos pesados ou os tractores vense na obriga de dar rodeos de ata 20 quilómetros. Para arranxar estas eivas, en primeiro lugar, a Deputación realizará un estudo das características estruturais da ponte, co obxectivo de garantir que a subestrutura actual soporte a actuación prevista, que consistirá na instalación dunha nova plataforma, máis ancha e elevada que a actual.