O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, convida aos concellos da provincia, en total 57, a facer uso das axudas da liña de subvencións para contratación de persoal técnico do sector turístico para deseñar novas estratexias coas que facer fronte á grave crise provocada pola COVID-19. «O sector vai ter que dar un xiro substancial para abrir novos camiños para sobrevivir», sinala Regueira.
Refírese tamén a que o recentemente publicado informe da Organización Mundial de Turismo destinado a mitigar o impacto socioeconómico da COVID-19 e acelerar a recuperación do sector contempla como un dos principais problemas a perda de emprego, e tamén nese ámbito, anima os gobernos municipais a contratar o persoal técnico a través da liña da Deputación para dotar de profesionais que acompañen as políticas públicas nestes momentos difíciles e cruciais para o futuro do sector.