A Deputación apoia con 12.000 euros a Festa da Pataca de Coristanco


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, asinaron o convenio para o financiamento da XL Festa da Pataca de Coristanco, celebrada o pasado mes de setembro na localidade. A Deputación achega 12.000 € para colaborar nesta edición especial da festa, que celebra corenta anos de traxectoria e vén de ser declarada de Interese Turístico. A festa promociona ademáis a calidade dun producto gastronómico de referencia na localidade, único polas súas características e que supón unha importante fonte de ingresos para numerosos agricultores e produtores locais.