A Deputación apoia a xestión do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño en 2021

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica, Walter Pardo, asinaron o convenio de colaboración para o 2021 nun acto no que estiveron tamén o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luis Penas e a concelleira Leticia Varela. Deste xeito, o Concello de Malpica seguirá asumindo a xestión do Ecomuseo coma en anos anteriores.

Ambas as dúas administracións levan colaborando desde o 2006 nesta xestión co obxectivo de promover actividades divulgativas sobre a grande tradición oleira local e as novas formas de produción.

O Concello de Malpica encargarase da organización das visitas e das actividades, así como á conservación e mantemento das instalacións do Forno do Forte. Do mesmo xeito, deberán fomentar o estudo e a investigación sobre a olería local en colaboración coas agrupacións e asociacións culturais vinculadas á zona.

Momento da reunión na Deputación da Coruña.

«O Ecomuseo e a tradición oleira de Buño son un dos activos culturais máis importantes de Malpica», destacou González Formoso, que incidiu na transcendencia da «conservación activa» do patrimonio de toda a provincia a través da rede museística.

Pola súa banda, Walter Pardo agradeceulle á Deputación a súa colaboración «no desenvolvemento e promoción de actividades para dinamizar a rede cultural de Malpica».

En canto ao horario de atención ao público, o Ecomuseo deberá permanecer aberto como mínimo todos os días da semana de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, agás os luns.