A Deputación apoia o mantemento das actividades do Comité Antisida da Coruña 

1 minutes read

A deputada en funcións de Benestar Social, Ana Lamas, e a presidenta do Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO), Begoña Pérez Vegazo, asinaron na sede da Deputación da Coruña o convenio polo que a institución provincial renova a súa colaboración con CASCO para o mantemento da súa rede de pisos de acollida na cidade herculina.

A Deputación compromete unha achega de 60.000 euros para manter este importante servizo social. A través desta achega a institución provincial cofinancia os gastos do persoal da rede de pisos de acollida de CASCO durante o ano 2023.

O servizo conta cunha vivenda de acollida e outra de inserción dirixidas ás persoas seropositivas e en situación de exclusión social, un programa único na provincia da Coruña. Estes pisos, cedidos polo Concello da Coruña, contan con 21 prazas e ofrecen ás persoas residentes vivenda, alimentación, roupa, medicación, atención individualizada a nivel psicolóxico, xurídico, social e médico.

Ana Lamas destacou a importante labor que desenvolve CASCO con esta iniciativa social, apoiada pola Deputación desde hai moitos anos.