O ente provincial publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional das axudas ao sector da agricultura, no que investirá 114.740,80 euros. As subvencións, que beneficiarán a un total de 31 entidades agrarias e labregas, están orientadas ao fomento do sector primario e permitirán adquirir equipamento e mellorar infraestruturas, “impulsando a actividade dun sector chave como é o agrario ou o lácteo na economía coruñesa”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. As axudas oscilan entre un mínimo de 1.400 e un máximo de 7.400 euros. Tamén se publica no BOP a concesión definitiva das subvencións para apoiar a 30 confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia na contratación de persoal e na modernización dos seus procesos de produción e comercialización, para o que investirá un total de 445.996,40 euros.